A CIG pon unha nova queixa polo uso da entrada da Casa do Concello como almacén

A CIG do Concello rexistrou unha nova queixa, como cada ano, pola utilización que o goberno municipal fai da entrada da Casa do Concello como almacén de instrumentos e trastes dificultando o traballo do persoal que presta os seus servizos nese edificio, así como creándolle riscos innecesarios á cidadanía que acude ao edificio. “Desde hai varias semanas, o Concello vén utilizando a entrada da Casa Consistorial como almacén de diversas cousas relacionadas coa Feira Franca Medieval. Esta situación vense repetindo cada ano, tal e como xa os delegados de prevención do Comité de Empresa lle teñen comunicado ao Concello e cada vez é máis grave posto que os obxectos que o Concello deposita na entrada do edificio cada vez permanecen máis tempo nesta”, explican desde a CIG no documento rexistrado que fixeron público a través da súa páxina web.

Segundo o sindicato “esta situación produce uns riscos non avaliados tanto para o persoal como para a cidadanía que accede diariamente ás dependencias administrativas”. E solicitáronlle ao concello que deixe de utilizar a entrada da Casa do Concello como almacén, toda vez que este edificio está avaliado como oficinas administrativa e que teña en conta que esta situación que se repite no tempo pode dar lugar a problemas no caso de que nunha situación de urxencia haxa que avacuar o edificio.

A todo isto hai que sumarlle a paralización do Comité de Seguridade e Saúde que leva sen reunirse desde outubro do ano 2017, e cuxa situación será posta en coñecemento da Inspección de Traballo provincial nos vindeiros días, á que tamén se levará a negativa do goberno a facilitarlle a información sobre as horas extraordinarias do persoal laboral ao Comité de Empresa.