A CIG denuncia novamente ao Concello ante a Inspección de Traballo por negar información

O edil de facenda, Diego Fernández, nun pleno

Nova denuncia contra o Concello de Betanzos pola negativa do goberno local a entregar a documentación que a Lei obriga a dar. Se primeiro foi o BNG diante do Valedor do Pobo, nesta ocasión é A CIG quen, logo de seis meses sen recibir a información das horas extraordinarias do persoal laboral reclamándoo por escrito e en diversas xuntanzas, acaba de denunciar este feito ante a Inspección de Traballo.

A Intersindical Galega advirte que o executivo local vulnera o Convenio colectivo ao non lle facilitar esta documentación, tal e como indica expresamente o documento que “obriga á Admón. local a lle facilitar esta documentación con carácter mensual aos representantes do persoal” segundo explica nun comunicado.

O sindicato explica na súa demanda que o Concello de Betanzos non lle entrega desde decembro de 2017 a información correspondente ás horas extraordinarias do persoal laboral ao Comité de Empresa do Concello de incumprindo a Disposición adicional 3.ª do RD 1561/95. “Solicitamos esta información en diversas ocasións” e “en ningún caso tivemos resposta en todos estes meses” engade.

Por este motivo, demandan á Inspección que adopte “as medidas que considere oportunas” para que o Comité de Empresa poida velar polo cumprimento da normativa en vigor na materia.