A CIG denuncia que o goberno prioriza o emprego en oficinas sobre servizos básicos

O concelleiro de persoal Diego Fernández e o alcalde Ramón García

A convocatoria para a selección de auxiliar administrativo para Servizos Sociais como funcionario interino por programa temporal e creación de bolsa de emprego de auxiliares administrativos serviu como proba á CIG para demostrar que as prioridades do goberno municipal no que a emprego público se refire pasan por “anos camiñando cara a desmantelar os servizos públicos municipais que non se prestan en oficinas e demostrando un nulo interese por ofrecer uns servizos públicos e de calidade”.

A Intersindical Galega denuncia que “mentres leva un mes sen cubrir unha baixa da Escola Infantil Municipal, o que está provocando un grave problema de persoal no centro, e varios meses sen cubrir unha baixa de limpeza de rúas” o goberno local abre un proceso selectivo para un auxiliar administrativo. “Fica claras as prioridades do goberno municipal” aseguran.

Unha praza polémica que leva anos e sempre temporal

A do auxiliar administrativo de Servizos Sociais é unha praza rodeada de polémica desde a súa creación. Un concurso sen as debidas garantías de publicidade para garantir a libre concorrencia a finais de 2011 supuxo o primeiro enfrontamento do actual goberno cos grupos que lle permitiran a García Vázquez asir o bastón de mando. A fórmula, “ilegal” para o BNG, repetiuse en anos sucesivos e nos últimos dous anos o persoal laboral temporal mudou, atendendo parte das denuncias de CIG e BNG, para ser funcionario interino. Mais mantense unha convocatoria provisoria para un posto que, fica demostrado, é de necesidade estrutural e permanente.

Precisamente o manter como emprego temporal prazas que levan anos e mesmo décadas é un dos temas candentes que ten enriba da mesa o goberno local polas súas consecuencias: todos os empregados laborais do Concello, con excepcións gañadas diante dos tribunais, son temporais. Isto, segundo o goberno local, impide cubrir prazas, como as da escola infantil que denuncia a CIG, cando hai vacantes.