A CIG denuncia que o goberno local non convoca a xunta de seguridade desde outubro

Presentación da Feira Franca, cuxos bártulos no Concello, usado como almacén, son un dos perigos denunciados

A CIG denunciou duante da Inspección provincial de traballo ao goberno local diante da negativa do executivo socialista en convocar o comité de seguridade e saúde do Concello. Advirten que leva desde o pasado 25 de outubro de 2017 paralizado e sen actividade e que nestes nove meses de inactividade, e antes de realizar a solicitude por rexistro ,falouse en numerosas ocasións co presidente do Comité de Seguridade e Saúde- o edil de persoal- para que procedese a realizar a convocatoria sen que esta se levase a efecto.

Advirten desde o sindicato maioritario entre o persoal municipal que estaban pendentes de aprobarse neste organismo documentos como elaboración e implantación dun plan de emerxencia do Cine Alfonsetti, a realización do primeiro simulacro do plan de emerxencia da Escola Infantil Municipal, así como a elaboración, segundo as prioridades dos plans de emerxencia dos distintos edificios municipais. Medidas todas estas que, dado que non pasaron por este órgano, seguen sen tomarse, denuncian.

“Como vén sendo costume desde hai sete anos o Concello de Betanzos menospreza o Comité de Seguridade e Saúde, que xa se constituíra logo dunha denuncia dos delegados de prevención da CIG na Inspección provincial de traballo hai varios anos” recordan os sindicalistas. “Son moitas as denuncias que houbo que interpor para que a Inspección lle requirise ao Concello que reunise o Comité de Seguridade e Saúde, que elaborase os plans de emerxencia ou que tomase medidas en instalacións con posible risco para o persoal” advirten.

“O caso é que o Concello leva anos pagándolle a unha mutua mais aquí non se dá feito nada, demostrando que o das mutuas si que é un bo negocio e que non lle importa tirar os cartos nin a seguridade e saúde laboral do persoal” aseguran. “É lamentable ter que acudir continuamente á Inspección para denunciar incumprimentos dunha lei que se aprobou hai máis de vinte anos, mais tamén por incumprimento dos novos acordos do Convenio colectivo” conclúen.