A CIG demandou que o Concello cubra “de inmediato” as baixas nos servizos municipais

O concelleiro de persoal Diego Fernández e o alcalde Ramón García

A decisión do goberno local de contratar, malia non existir prazas no cadro de persoal nin fondos previstos no orzamento prorrogado de 2017, persoal para patronear a Diana Cazadora e para organizar as festas estivais segue traendo cola. O pasado 6 de xuño a CIG solicitou a través do rexistro que o Concello de Betanzos cubra de inmediato as baixas dos distintos servizos municipais recordando ao executivo local que ue o Concello de Betanzos ten na actualidade vixentes unhas listaxes de substitución para distintos postos de traballo nesta Administración local.

“Na actualidade hai dous servizos que teñen baixas que poderían ser cubertas coas devanditas listaxes e o Concello teima en non contratar a ninguén para as substitucións” salientan desde a Intersindical Galega, sinalando os casos “dunha técnica de xardín de infancia da Escola Infantil Municipal e mais un traballador de limpeza de rúas que leva de baixa máus dun mes”.

“A non cobertura das baixas laborais está a provocar problemas nos servizos mencionados e deriva nun exceso de carga laboral para os traballadores do Concello, toda vez que o Concello non ten adxudicado ningún contrato por estes servizos e deben ser desempeñados exclusivamente por persoal municipal” puntualizan, e advirten de que se oculta a existencia destas listaxes de substitución á veciñanza en tanto “na páxina web actual non constan estas listaxes existentes e non se actualizan periodicamente con base aos chamamentos efectuados”.

Neste sentido, demandaron ao gobberno local que “cubra de inmediato as baixas dos traballadores dos servizos mencionados e que o precisen para garantir que os servizos públicos se presten nas mellores condicións posibles” e que faga pública no web “as listaxes de substitución vixentes, así como as actualizacións dos chamamentos que, no seu caso, se realicen en cada momento”.