A CIG demanda que o executivo pague a suba dos complementos segundo a lei

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa en funcións

A CIG lembroulle ao executivo local a súa obrigación de seguir os criterios de absorción do CPT que veñen recollidos nas distintas leis de orzamentos do Estado. Denuncian que o goberno municipal obviou en detrimento dos traballadores e traballadoras afectadas esta normativa, polo que “seguimos á espera de que o Concello aplique a lexislación estatal nesta cuestión”.

“Debido a isto, e mentres as modificacións do Convenio colectivo non entren en vigor, o Concello de Betanzos debería aplicar a lexislación estatal no relativo á absorción do CPT, que se entende como supletoria para o persoal da Admón. local” explican desde a Intersindical Galega.

“Recomedamos, pois, que aqueles traballadores e traballadoras ás que o Concello lles absorbeu a totalidade das subas, así como os novos trienios nos anos 2017 e 2018, logo da entrada en vigor do Convenio colectivo, que fagan a reclamación correspondente a través do Rexistro xeral e que lembren que teñen dereito a un ano de atrasos” explica a CIG, animando a reclamar aos traballadores como única maneira de garantir o cobro deses complementos.

“O propio concelleiro de Persoal, na última reunión mantida cos representantes dos traballadores por este tema, indicou que ata o momento as modificacións do Convenio colectivo non foron ao pleno porque están pendentes de informar e nesta semana na que se incorpora o interventor acumulado é cando lle entregarían o expediente, pendente de se informar para seguir o seu curso” recordan desde o primeiro sindicato do Concello. “A CIG lémbralle ao goberno local a obrigatoriedade do Concello de aplicar a lexislación estatal correspondente entretanto non entran en vigor as devanditas modificacións.