CIG e CSIF enfrontáronse na comisión paritaria de igualdade a conta do acoso sexual

CIG e CSIF enfrontáronse na comisión paritaria de igualdade a conta do acoso sexual. O organismo, composto polos sindicatos e o goberno local é unha mesa interna da administración para desenvolver todo o tocante a igualdade e non discriminación na burocracia municipal, conforme ás previsións dos convenios co persoal e mais o plan de igualdade.

A CIG presentou unha proposta tanto de regulamento de funcionamento e outra proposta de protocolo contra o acoso sexual, laboral, por razón de sexo e identidade para o funcionamento desta comisión, sendo o único sindicato que traballou nunha proposta concreta. “sí mesmo, achegou o informe do impacto de xénero sobre o Convenio colectivo do persoal laboral elaborado polo Consello Galego de Relacións Laborais.

O CSIF, o sindicato que representa ao funcionariado municipal e cuxos delegados son policías locais, asegurou, segundo a Intersindical Galega, “que o acoso sexual debía ficar fóra do regulamento porque non ten relación cunha discriminación xenérica” por razón de sexo, algo que finalmente “ficou incluída como funcións da comisión de igualdade cos votos a favor da CIG, UGT, CCOO e o goberno municipal e o voto en contra do CSIF”.

Os delegados do CSIF, insistiron en que a Comisión de Igualdade non era o organismo que debía aprobar un Protocolo contra o acoso sexual, laboral por razón de sexo e identidade. Finalmente, acordouse elaborar un protocolo contra o acoso sexual, por razón de sexo e identidade para o Concllo, novamente cos votos a favor da CIG, UGT, CCOO e o goberno municipal e o voto en contra do CSIF. Segundo os delegados deste último sindicato, “o acoso sexual non vén determinado por unha discriminación entre homes e mulleres nesta sociedade”, segundo indicou a CIG.

A central nacionalista recriminoulle ao CSIF o seu nulo interese pola creación da Comisión e aprobación do protocolo en sete anos que tivo representación sindical no Concello de Betanzos e o seu repentino interese por dilatar e alongar calquera paso para que a Comisión de Igualdade funcione e se leven a cabo medidas encamiñadas á consecución da igualdade. Agora as dúas partes terán 10 días para facer achegas ao protocolo e que a técnica de igualdade, como experta na materia, as incluiría nun borrador que con posterioridade se someterá á súa aprobación definitiva.