CIG acusa ao goberno local de seguir ocultándolle datos sobre as horas extra no Concello

O concelleiro de persoal Diego Fernández e o alcalde Ramón García

A CIG denunciou publicamente que tivo que volver solicitar desde o comité de empresa que o goberno local rinda información sobre “as horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral nos mese de xaneiro, febreiro, marzo e abril”. Segundo advirte o sindicato nacionalista, “ao se tratar da terceira solicitude sen resposta, de non lle entregar esta información o Concello durante este mes acudirá de novo á Inspección de Traballo, tal e como vén tendo que facer desde hai sete anos, posto que o goberno municipal sempre foi moi reaccio a entregarlle esta información aos representantes dos traballadores”.

A demanda foi rexistrada no portelo electrónico do Concello “tendo en conta que para acudir á denuncia na Inspección, no caso de que sexa preciso, cumpriría acreditar a presentación efectiva da solicitude”. Nel, a representación sindical advirte ao executivo local que o convenio colectivo prevé a información mensual sobre a realización das horas extraordinarias realizadas e que “o Concello de Betanzos vén incumprindo sistematicamente este deber de información e non lle entrega información sobre as horas extraordinarias realizadas, senón que exclusivamente achega información sobre as horas extraordinarias pagadas”. Aínda así, “no caso das horas extras pagadas nunca llas achega puntualmente e sempre con varios meses de atraso”, se ben “o Concello de Betanzos non lle achegou a documentación correspondente ao Comité de Empresa das horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral nos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril de 2018”.

A entrega desta documentación ven sendo un cabalo de batalla entre persoal e o executivo socialista, mais non é a única: desde a oposición, PP e BNG teñen denunciado a resistencia do goberno local a entregar a documentación que solicitan.