Case a metade dos traballadores do concello quedarán fora da nova RPT que están negociando

O concelleiro de persoal Diego Fernández e o alcalde Ramón García

A CIG denunciou que o goberno local sostén que non existe ningunha relación de postos de traballo no Concello e que está a negociar “unha nova Relación de Postos de Traballo que conteña os postos do funcionariado, do persoal laboral fixo e do persoal laboral con sentenza de indefinición”. “Non obstante, os postos do persoal laboral con contratos por obra ou servizo ou interinidade, ao consideraren que está en fraude de lei, non constarán nesa Relación de Postos de Traballo” denuncian.

Explica a Intersindical Galega que “eses postos só se poderán crear na Relación mediante unha sentenza xudicial de indefinición nos casos en que o persoal afectado decida acudir ao xulgado”. Explican que o concelleiro de persoal, o socialista Diego Fernández, deulles a entender que “o Concello non porá trabas no xulgado e indícalle ao persoal que é a única vía de “regularización” da situación”.

A RPT do Concello non ten validez

O concelleiro de Persoal, Diego Fernández, confirmou no pleno do pasado marte ao ser consultado polo BNG que o problema parte de que non existe RPT en vigor e que a que o Pleno aprobara hai 10 anos non ten validez por defectos na redacción e a publicación. Diego Fernández sostivo que intentara “solucionar o problema” sen éxito. O edil socialista relatou que empresa á que encargou a redacción da RPT comunicoulles no principio do ano que a Relación de Postos de Traballo carecía de validez por diversas irregularidades na súa tramitación e porque non fora publicada íntegramente no Boletín Oficial da Provincia. “Foi toda unha sorpresa, estamos intentando solucionalo do mellor xeito posible”, explica.

Os cambios lexislativos obrigarán a deixar fóra da nova RPT uns sesenta postos de traballo, prácticamente a metade do persoal, que ocupan desde fai anos traballadores con contratos por obra ou servizo ou interinidade. O edil de Persoal explica que conforme á nova lei só poderá reflectir os postos laborais indefinidos e funcionarios, pero non aos laborais temporais en situación de fraude de lei, que deberán acudir aos xulgados si queren que se declare o seu carácter indefinido e pasar a formar parte do persoal.

Diego Fernández pediu onte “tranquilidade” e garantiu que os traballadores que queden fose da RPT e que decidan non reclamar a súa indefinición pola vía xudicial conservarán igualmente os seus postos e realizarán as súas funcións ao amparo do “convenio colectivo que fixa a estrutura retributiva”.

Sinalan desde a CIG, que o “único culpable” desta situación é o executivo, indicando que traballadores son “vítimas dunha pésima xestión histórica desta área, que non está derivando no requerimento de ningún tipo de responsabilidade” cara os seus causantes. A representante do sindicato maioritario do comité de empresa, Silvia Muíño, afirma que hai empregados que levan máis de trinta anos no Concello con contratos de obras e servizos e nega que o Executivo municipal poida garantir que manterá todos os postos. “Quedarán nunha inseguridade total”, denuncia.

Ao xulgado a denunciar novamente ao goberno local

“A consecuencia desta situación é que, máis unha vez, o persoal terá que tomar a iniciativa e tentar resolver acudindo ao xulgado esta desastrosa situación” advirten. “Na actualidade o Concello de Betanzos ten persoal con contratos en fraude de lei de hai trinta anos, traballadores que xa se xubilaron con contratos por obra ou servizo logo de traballar toda a vida nesta Administración e que vían como os procesos de funcionarización sempre pasaban de lonxe e lle afectaban a determinados postos e traballadores, sempre precarizando o sector servizos para o que logo deu lugar á case completa privatización dos servizos que o Concello de Betanzos levou a cabo nos últimos anos, porque onde hai postos temporais sempre hai menos dereitos, precarización do traballo e salarios máis baixos, realmente por iso ao Concello de Betanzos lle pagou a pena historicamente manter en fraude de lei durante tanto tempo ao persoal” engaden.

 

Reacción do concelleiro de persoal

O Executivo resta importancia a que a nova RPT non recolla estes postos, entre 60 e 70, e afirma que se manterán igualmente e que se incorporarán ao persoal conforme os xulgados recoñezan o seu carácter indefinido. No caso de que os empregados decidan non recorrer, o Goberno local asegura que conservarán o seu posto á marxe da RPT pero ao amparo do convenio colectivo. A súa afirmación non convence á CIG, que explicou onte a este medio que varios empregados comezaron a tramitar xa os seus recursos e que incide que a lei non permite manter tantos anos os contratos temporais.