O camión do Concello bate e tira parte dunha casa en Bellavista

Imaxe do derrubamento parcial

Na mañá do pasado mércores, o camión con guindastre extensible da brigada municipal de obras provocou o derrubamento parcial da vivenda ruinosa ubicada a carón do cruceiro da  Cruz Verde, na confluencia da avenida de Castela e a rúa Concepción Arenal.

O camión enredou a pluma- mal recollida- no cableado fixado á fachada lateral do inmoble, provocando o derrubamento de parte das paredes do primeiro andar cando aínda non eran as doce da mañá. O incidente, a dous días do inicio do curso escolar e dunha parada de transporte cara os centros de ensino, afortunadamente non rexistrou maiores incidencias.

Ata o lugar desprazouse o concelleiro de urbanismo mentres operarios municipais balizaban de urxencia un paso seguro para peóns. O conductor implicado no sinistro, A.M.M., non é o operario responsable da conducción habitual do vehículo sinistrado.

O goberno local non deu ningún tipo de información sobre o percance, nin por medio de comunicado de prensa nin sequera a través das redes sociais, onde a expectación e curiosidade foi unha constante. O executivo de María Barral optou polo silencio, remitindo un comunicado sobre rehabilitación de vivenda con cargo a fondos de Xunta e Estado.

Un inmoble que amenazaba desplomarse sobre a parada escolar

O estado de progresivo e alarmante deterioro do inmoble foi motivo de queixas veciñais durante anos, que chegaron cando menos dúas veces a pleno da man do BNG, que demandaba accións para garantir a seguridade na parada escolar ubicada baixo o mesmo.

A espera dun “informe técnico” impedía en 2013 e 2015 adoptar medidas de demolición ou para obrigar a conservar os elementos que ameazaban desplomarse sobre a vía pública. Agora terá que ser o seguro do vehículo municipal sinistrado quen corra, cando menos, coa reposición dos paramentos e cuberta derrubados pola colisión.