O BNG urxe mellorar a seguridade viaria na avenida da Coruña

IES Francisco Aguiar, na avenida da Coruña

O pasado martes 29 de maio, o grupo municipal do BNG trasladaba ao pleno betanceiro as demandas do barrio da Madalena. A asociación veciñal da Madalena recebeu unha representación do BNG local, que mostrou o seu interese en coñecer as inquietudes e as demandas deste barrio histórico. Os nacionalistas aproveitaron o Pleno para propor tamén o amaño dos accesos aos institutos da Avenida da Coruña, na N-651, nas  proximidades do barrio da Madalena.

“Recibimos queixas da veciñanza da Madalena sobre o tránsito na Avenida da Coruña” – aclara o concelleiro do BNG, Henrique del Río- “porque o semáforo vermello da Ponte Nova está a imposibilitar a saída de vehículos desde o calexón que está a carón da Fábrica da Luz”. Desde o BNG comprometéronse a trasladar esta problemática ao pleno, xunto á solución proposta pola veciñanza. “A asociación veciñal da Madalena pediunos que o goberno solicitase ao Estado pintar unha zona de cebreado amarelo antes do semáforo. Desta maneira, os coches terían que parar un pouco antes, permitindo a saída de coches desde o calexón.”

No pleno do martes, o portavoz nacionalista, Henrique del Río, preguntou ao goberno local se tiñan coñecemento dunha demanda veciñal, “fácil de satisfacer e que solucionaría de maneira barata o acceso á Avenida da Coruña da veciñanza desa zona de Betanzos”, afirman desde o BNG. En todo o caso, desde o BNG pediron tamén ao goberno local que confirme a solicitude e informe ademais ao Pleno e á veciñanza da Madalena dos prazos previstos.

Desde o BNG lembran que nesta avenida están dous institutos públicos da localidade. Isto motivou que hai meses as nacionalistas pedisen tamén que se demandase a Fomento a reformulación dos accesos aos dous institutos a fin de incrementar a seguridade viaria.