O BNG repartirá carteis de aberto/pechado para os comercios para animar ao uso do galego polo Día das Letras

O BNG repartirá carteis de aberto/pechado para os comercios de Betanzos para animar ao uso do galego pola celebración do Día das Letras. Con esta proposta queren contribuír á normalización do uso de galego no comercio.

“Con esta campaña pretendemos afondar na liña que comezamos no nadal de apoio ao pequeno comercio e de proximidade e defender o uso normalizado da nosa lingua con accións en positivo”, explicou a responsábel comarcal do BNG, Cristina López. “Queremos por un lado animar aos comerciantes e pequenos empresarios a empregar publicamente e animar tamén á nosa veciñanza ao uso do galego”.

“Apostar pola identidade, por produtos propios de calidade e polo emprego da nosa lingua e a etiquetaxe en galego pensamos que é fundamental para conseguir reverter o actual consumismo acrítico e fomentar tamén un consumo responsábel”, concluíu.

A responsábel comarcal do BNG animou ademais a toda a veciñanza a participar na grande manifestación convocada por Queremos Galego o propio 17 de maio ás 12 en Compostela para reclamar o uso do galego “dia a día”.