O BNG pide pasos concretos para recuperar a Casa Gótica

Henrique del Río é o voceiro do BNG

Hai uns meses o goberno local ofreceulle ao goberno da Xunta a posibilidade de mercar a Casa Gótica dentro do plan Rexurbe. Desde o BNG pregúntanse se hai algún tipo de actuación con respecto a este anuncio ou se só é, máis unha vez, un anuncio nos medios sen ningún contido. As nacionalistas demandan ao goberno local que marque condicións e prazos para darlle solución ao tema da casa Gótica antes de chegar aos 10 anos da súa desaparición.

O BNG ven de rexistrar no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas demandando ao goberno galego que retome o procedemento sancionatorio e para que aclare por que non se reabriu coa sentenza.

Betanzos, 3 de maio de 2018. O BNG demandou no Pleno que o goberno local que concrete que pasos deu para recuperar a Casa Gótica. “Hai uns meses o goberno local ofreceulle ao goberno da Xunta a posibilidade de mercar a Casa Gótica dentro do plan Rexurbe polo que a Xunta vai mercar máis vivendas no Casco Histórico” recorda o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Desta oferta tivemos coñecemento polos medios de comunicación, como ven sendo habitual, sen que se nos achegaran máis datos nun tema que debera ser consensuado, pola súa transcendencia, con toda a Corporación”, explica.

As nacionalistas recordan que van case 10 anos desde o seu derrubo “sen que o goberno, a pesar dos seus múltiples anuncios nos medios de comunicación e das sucesivas promesas electorais do PSOE, teña feito mais que varias multas coercitivas”. Neste sentido, desde o BNG pregúntanse se hai algún tipo de actuación con respecto a este anuncio ou se só é, máis unha vez, un anuncio nos medios sen ningún contido. Por este motivo, as nacionalistas demandan ao goberno local que marque condicións e prazos para darlle solución ao tema da casa Gótica antes de chegar aos 10 anos da súa desaparición.

“Esgotada a vía das multas coercitivas para tratar de forzar ao propietario a reconstruír a casa, cando realmente hai que pasar aos feitos a saída do PSOE foi pasarlle a pataca quente á Xunta” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. As nacionalistas recordan que o Concello, até o de agora, tratou de forzar ao propietario a reconstruír a casa polos seus medios con catro multas que suman 18 000 euros. “Coa primeira multa o goberno local chegou a dicir que contaba con reunir, por esta vía, 124 000 euros para facer a obra desde o Concello, algo que sabían que era imposible posto que a finalidade destas multas era obrigar a actuar ao propietario, non recadar” explica Del Río. Posteriormente o goberno local anunciou conversas co propietario para adquirir o solar e as pedras, supostamente numeradas, da fachada. “Quedou tamén en nada”, engaden.

“Cada vez que pediamos que se continuase o proceso sancionatorio por tirar sen licenza a casa o goberno local respondía ou que había un xuízo ou que estaban coas multas coercitivas para que a reconstruíse”, relata Del Río. “A sentenza foi absolutoria e a multa coercitiva non é unha sanción por demoler un edificio protexido, polo que o Concello ten que impoñer unha sanción por destruír patrimonio histórico”, explican desde o BNG.

Para o BNG, que o goberno local xogase a confundir á xente facendo ver que se sancionaba ao propietario con cada multa coercitiva é censurábel. Neste sentido, recordan que tanto o PSOE coma os grupos que apoian ao goberno local “venderon, por activa, pasiva e perifrástica que había unha partida nos orzamentos para recuperar a Casa Gótica por execución subsidiaria”. “Van anos desde o primeiro anuncio deste tipo e o certo é que pronto farán dez anos de que se tirase a casa, sen sancións por facela desaparecer e sen vías para recuperala”, explica Del Río.

A Xunta ten que aclarar por que non retomou outro procedemento sancionatorio

As nacionalistas censuran que o goberno local derive agora calquera responsabilidade de recuperar a casa oxival á Xunta. “Que a Xunta a compre non é garante de que a vaia amañar, como evidencian as casas que o goberno galego ten a caer pola rúa da Cerca ou da Torre”, engade o voceiro do BNG. “Á veciñanza nos resulta indiferente que actúen uns ou os outros, pero o que non pode ser é que leven 10 anos e ningún fixese nada”, engade.

“En 2011 a Xunta anunciou no DOG a apertura doutro procedemento sancionatorio contra o propietario por botar abaixo a Casa Gótica, con sanción mínima de 150 000 euros” recordan desde o BNG. As nacionalistas explican que o goberno galego parou o procedemento polo xuízo, mais que non o retomou logo de ser firme a sentenza.

Por este motivo o BNG ven de rexistrar no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas demandando ao goberno galego que retome o procedemento sancionatorio e para que aclare por que non se reabriu coa sentenza. “Non queremos pensar que o PP pretende que a demolición quede impune”, engaden.

O BNG defende que sexa un centro sociocultural

As nacionalistas veñen defendendo hai lustros a necesidade de que a Casa Gótica pase a formar parte do patrimonio municipal para garantir a súa conservación. Neste sentido, avogan por transformala nun centro veciñal e sociocultural, dadas as carencias do Casco Histórico neste eido. O BNG xa ten manifestado varias veces o seu apoio ao goberno local no caso de que optase por expropiala, unha acción que o goberno local comprometeu varias veces sen chegar a levala adiante.