O BNG pediu onte no Pleno que non se penalicen baño e pesca no porto de Betanzos

O porto betanceiro

O BNG propuxo no Pleno que se demande á Xunta de Galiza modificar a lei de Portos polas súas repercusións nas actividades de lecer que se desenvolven no porto de Betanzos. A proposta do grupo nacionalista saiu adiante co voto en contra do Partido Popular. “Hai moitas persoas que practican a pesca deportiva no peirao betanceiro e mesmo que se bañan nese entorno, e a lei de portos sanciona estas actividades”, explicou o edil do BNG Henrique del Río. 

Neste sentido, as nacionalistas propuxeron pedir á Xunta que se exclúa á pesca deportiva da prohibición de actividades marisqueiras e pesqueiras nas augas interiores do porto. Ademais, pediron igualmente suprimir do réxime sancionador as actividades de baño ou mergullado nas augas interiores do porto e a pesca desde os peiraos ou con calquera tipo de arte nos peiraos e augas portuarias, cando iso non estea expresamente autorizado.

“O porto de Betanzos non ten tráfico portuario como para prohibir este tipo de actividades de lecer que de algún xeito son o que lle dan vida”, explicou Del Río. De feito, desde o BNG recordan que é utilizado polo clube de piragüísmo para os seus entrenamentos “e moitas veces o alumnado acaba bañándose no entorno”. “Non ten sentido sancionar estas actividades, sobre todo cando non resultan molestas nin impiden un tráfico portuario que no noso caso apenas existe, e cinguido exclusivamente a embarcacións de recreo de pequeno tamaño”, indica.

Desde o BNG censuran o “claro afán recadatorio” da lei de portos aprobada polo PP e “por terse realizado de costas ás entidades locais”. Del Río recorda que é o Concello de Betanzos quen se ocupa do mantemento do porto e dos seus xardíns, da recollida do lixo e o alumeado, entre outros servizos. “Propoñemos a creación do Órgano de Coordinación Portuario Municipal, onde estarán representados tanto o goberno local como Portos de Galiza para articular as relacións entre a administración portuaria e o Concello para a toma de decisións conxunta sobre o porto en ben da veciñanza”, explica o voceiro do BNG.

Amaño de peiraos e instalación de colectores de aceite

O BNG ten demandado nos últimos anos ao executivo local que se dirixira á Demarcación de Costas, Augas de Galiza e os restantes organismos competentes para acometer os distintos traballos de reparación e mantemento que os peiraos que rodean a cidade precisan, mellorando a seguridade tanto para peóns como para usuarios de embarcacións.

Ademais, o BNG solicitou a reposición do colector de aceites usados que estaba ubicado no porto. Segundo explicaron as nacionalistas, o colector era un servizo importante para os propietarios das embarcacións amarradas tanto no propio porto como nos peiraos dos ríos.