O BNG logra un acordo unánime para rehabilitar o Pasatempo e declaralo BIC

O deputado Xosé Luis Rivas, autor da proposición non de lei sobre o Pasatempo

Debatía onte o Parlamento de Galicia unha iniciativa do BNG, rexistrada hai case un mes, para axilizar a tramitación do procedemento para catalogar coma BIC o Pasatempo e garantir fondos para a súa rehabilitación. E no transcurso do debate, BNG e PP transaccionaron unha emenda para arrincarlle aos conservadores un compromiso de investimento no parque enciclopédico.

A proposición non de lei dos nacionalistas foi defendida polo deputado Xosé Luís Rivas, que asegurou que o Pasatempo, herdanza dos irmáns García Naveira, resulta unha enciclopedia da época , deseñado a xeito de parque, onde o visitante non ten máis remedio que desfacerse en preguntas e por qués sobre a cultura universal dentro dunha sociedade (finais do século XIX e primeiro terzo do XX), pechada e dominada pola relixión que colaboraba na explotación mantendo a ignorancia e a submisión como principio universal.

Este lugar, dixo, é memoria viva dunha etapa da historia deste noso País, oculta para as xeracións presentes e que forma parte do Patrimonio betanceiro e tamén de todas as galegas e galegos, “un patrimonio cultural común imprescindible”, manifestou.

O novo desprendemento. Imaxe do Concello

O Pasatempo sufriu ao longo dos anos múltiples mutilacións e deterioro e na actualidade atópase nunha grave situación tralo derrube do mural do estanque ou actuacións erráticas sobre o mural do barco de vapor no estanque do retiro aos que, o parlamentario sumou as ameazas sobre o muro dos azulexos, o templete, o pavimento da illa e diversas fendas estruturais na gruta da recoleta, posiblemente como consecuencia da presión que exerce a pasarela de ferro sobre ela. Ademais o deputado tamén alertou das consecuencias polas vibracións producidas polo tránsito rodado na nova estrada que ameaza a mellor parte conservada do Parque.

Rivas criticou a falta de interese do actual propietario do parque, o concello de Betanzos, responsabilidade que estendeu as administracións competentes en materia de Patrimonio. O Concello, dixo o deputado presentou un anteproxecto de actuacións asinado por varios arquitectos e expertos en patrimonio xa no ano 2016, que urxía actuar sobre problemas de filtracións, humidades, fendas e outras ameazas directas para a conservación do parque, como a estrada de circunvalación que discorre pegada a el, ou a pasarela de ferro que descansa sobre o muro que parcialmente se veu abaixo.

Rivas, canda outros integrantes do BNG, na manifestación convocada por Amigos do Pasatempo

“O proxecto taxaba en torno a 1,3 millóns de euros a rehabilitación do Pasatempo. Desa contía, a Deputación da Coruña comprometeu o pasado 23 de marzo, 598 998,40 euros que se destinarán ás obras de rehabilitación e o pasado 25 de setembro o Concello de Betanzos aprobou destinar 200 000 euros do remanente do anterior exercicio a estes mesmos traballos”.

Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, María Antón Vila Sánchez anunciou o apoio ao acordo co compromiso para a rehabilitación do Pasatempo en colaboración coas distintas administracións así como axilizar o expediente a declaración BIC “reducindo na medida do posible os prazos de tramitación”. Antes tivo tempo para reprochar ao goberno municipal de Betanzos que non actuase nesta “propiedade municipal” e que a Lei de Patrimonio sinala claramente a responsabilidade dos propietarios na conservación dos bens culturais.

A parlamentaria conservadora, antes de pechar o acordo co deputado nacionalista, afeou que o goberno local anunciase un proxecto para a rehabilitación do que mais nada se soubo. “Do proxecto non sabemos nada, e sen proxecto non hai recuperación posible e de pouco valen as consignacións orzamentarias”, advertiu. Deu a entender que a declaración coma Ben de Interese Cutural do Pasatempo está ao caer ao anunciar que o parque está entre os 40 BICs que o goberno galego presentou ao goberno español para pedirlle financiamento para rehabilitar de cara ao vindeiro Xacobeo.

http://mediateca.parlamentodegalicia.gal/s/tlyB8fY5GvOtcYlz8YBFdY2p9H4pidq5?in=7942

A voceira do PSOE, Concepción Burgo, tratou de desculpar a errática actuación do goberno local, do seu partido. Principiou pretendendo establecer un agravio comparativo sobre a actuación da Xunta entre este BIC e os da Igrexa e a continuación cuestionou que, tras anunciar o goberno betanceiro o compromiso da Xunta para redactar o proxecto técnico, o goberno galego agora queira recuar. Mesmo chegou a citar un post do voceiro do PP en Betanzos na rede social Facebook atribuíndo á dereita tal logro a xeito de proba para botar en cara á Xunta que se desdicira do seu compromiso de redactar o proxecto de intervención no recinto, un argumento que segue sostendo o executivo local malia non ter proba algunha do mesmo.

Por En Marea, Ánxeles Cuña reiterou a demanda de catalogar e intervir no Pasatempo, insistindo en que foran os primeiros en presentar unha iniciativa esta lexislatura sobre o asunto e recordando que Villares e Luca Chao, xunto ao edil de BeC Alberto Muíño, foron a retratarse ao parque aos días de producirse o primeiro derrumbamento.

“Non valen desculpas. O parque non soporta máis desatinos que ocasionan deterioros irreparables” afirmou o nacionalista na quenda de réplica, no que volveu reclamar para o Pasatempo a súa rehabilitación e declaración como Ben de Interese Cultural. A proposición non de lei defendida polo BNG será votada hoxe no pleno do Parlamento galego. O BNG tamén presentou unha emenda ás contas da Xunta para que contemplen fondos para acometer estas actuacións o vindeiro ano sen demora.