O BNG denuncia que o goberno local leva dous meses tramitando a ruína da Fábrica da Luz

A fábrica da luz desde o Mendo

“Que deixe o lume de fogueo e tome medidas de calado para permitir conservar a Fábrica da Luz para as betanceiras do futuro”. Con esta contundencia o BNG reprobaba onte ao goberno local o seu último anuncio sobre a fábrica da luz tras comprobar no expediente que o executivo local leva, desde o pasado 28 de xuño, tramitando unha petición de Fenosa para declarar ruína o monumento industrial. En segredo, afirman os nacionalistas.

“As multas coercitivas do PSOE non garanten a conservación do patrimonio”, advirten desde a Travesía da Torre. Consideran que “a experiencia da Casa Gótica amósanos que as multas coercitivas que anuncia o goberno do PSOE non son a vía para garantir a conservación do patrimonio histórico e urxe tomar outras medidas”, engade. E lembran que o anuncio do PSOE sobre movementos tras incumplir Naturgy- a antiga Gas Natural Fenosa- as ordes de execución só chegou tras denunciar publicamente este incumprimento e a pasividade do executivo local.

Unha pasividade que non era tal, xa que desde o 28 de xuño o goberno local tramita un expediente de declaración de ruína sobre a factoría.“Parécenos lamentábel que a alcaldesa leve firmando decretos e providencias sobre este asunto desde antes mesmo de ser investida e en ningún momento tivese a ben informar á Corporación dun feito da gravidade deste”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Con “secretismo”, reproban,. O edil nacionalista explica que “onte- polo martes- tivemos comisión de urbanismo, co concelleiro da área e a alcaldesa, e en ningún momento, cando menos na comisión, a rexedora tivo a cortesía de comunicarnos algo tan grave”.

“A alcaldesa prometeu continuismo e é verdade que desde o primeiro minuto está a seguir a peor liña do anterior alcalde, ocultando os temas con trascendencia real na cidade”, cuestiona o voceiro do BNG. “O PSOE segue buscando forzar os prazos para deixar que caia este monumento para logo lamentarse, non é a primeira vez, fixo o mesmo co Convento de Donas”, reprochou. Neste sentido, censura que malia levar o BNG lustros demandando a protección da factoría, “só cando o proceso de deterioro semella irreversible o goberno do PSOE accedeu a protexela”. E lembra que “no modelo de cidade do PSOE o solar da fábrica da Luz está ocupada por bloques de pisos a carón do río” mentres que “no BNG defendemos que este monumento é ideal para acoller equipamentos sociocomunitarios públicos”.

Man tendida ao goberno para expropiar a fábrica

“No caso de seguir así as cousas, e á vista do obvio interese público, faría ben o goberno local en iniciar un procedemento de expropiación forzosa para facerse co monumento, e desde logo tería o apoio do BNG” indicou Del Río. “Cremos, igualmente, que o Concello ten posibilidades de financiamento para logralo: desde a venda ou permuta de parcelas municipais no polígono, a disposición de crédito nos orzamentos ou o recurso a operacións de débeda para investimento, desde logo querer é poder” recordan.

Desde o BNG resaltan que hai “un triple interese público máis que evidente: evitar o edificio enriba da ponte nova que o planeamento prevé, conservar o patrimonio e conseguir dotacións socioculturais para paliar parcialmente o déficit que ten o barrio da Madalena”.