O BNG demanda ao goberno local que cumpra os acordos do Pleno e reabra a radio municipal

O novo estudo da radio, de 74 000 euros, está nas Escolas do Asilo

O BNG demandou ao goberno local que cumpra as numerosas mocións aprobadas ao longo deste e o anterior mandato e reabra a emisora municipal. “Aínda no último pleno aprobouse a enésima moción sobre este asunto, pedindo que se reabra como unha emisora comunitaria”, recordou o voceiro do BNG, Henrique del Río.

As nacionalistas pedían na súa proposta que se garantise a independencia da emisora municipal e da web e redes sociais do Concello. “Pagámolos todas as veciñas, para que se nos informe veridicamente do que hai no Concello” explica o edil do BNG. “Unha cousa é informar e outra facer propaganda, unha cousa é difundir a programación oficial do Concello e outra moi distinta que estes medios que todas pagamos se usen para que o goberno local faga propaganda política ou mesmo ataque a outros grupos por disentir das súas propostas ou proxectos”, puntualiza.

Neste sentido, as nacionalistas lamentan que “desde que o PSOE fixo a remuda na alcaldía e o lanzamento da súa campaña electoral o goberno local apagou o pouco que quedaba da radio municipal (os plenos) cunha excusa de moi mal pagador”. O voceiro do BNG recorda que “Miño e Bergondo, sen ir máis lonxe, emiten en directo vía internet os seus Plenos, é só colocar unha cámara na Sala Capitular porque os traballadores da radio municipal xa asisten aos Plenos”, explica suliñando que isto non supón pagar máis salarios ou afrontar máis gastos.

Desdeo BNG cuestionan a versión ofrecida polo goberno do PSOE no pleno de novembro. “en resposta a unha pregunta nosa de setembro, Dixeron que cortaron a emisión a causa de problemas técnicos cunhas liñas de cobre que supostamente xa non existen, e adían a volta da radio ás ondas a comprar equipamento novo para a radio, algo que non figuraba nos orzamentos”, explica Del Río. “Xa están dicindo que non pensan abrir a emisora novamente”, engade.

“O que non me explico é como temos que comprar equipamento novo tendo un estudo para a radio completamente novo, a estrar, nas Escolas do Asilo, que nos custou a todas 73 000 euros dun plan anticrise” lembra o edil nacionalista. “Emitir os plenos e reabrir a radio é unha cuestión de vontade política, de transparencia, no século de internet non hai máis impedimento para facelo que a decisión política do PSOE de deixar de facelo, desde que cambiamos de alcalde, para tratar de controlar absolutamente o que sae da Sala Capitular”, abundan desde o BNG. “Dicir que se fan públicos porque se colgan aos dez días na web municipal, cando os asuntos xa están resesos e perderon actualidade, é rirse da xente”, conclúe Del Río.