BN intenta rendibilizar o conflito do SAF dous meses despois de que o trasladara a Pleno o BNG

Candidatura de BN en 2015

Chega a precampaña e a estratexia da primeira das mareas betanceiras parece ir mudando cara a desvincularse cada vez mais dos seus acordos co goberno, que lle trouxeron pouco ou ningún rédito. Nesta liña no xornal de ACEBE deste mes BN publica un anuncio publicitario dunha páxina completa a plena cor no que fala da situación do servizo de axuda no fogar, amosándose como promotores das medidas para reconducir o seu estado.

A marca local de En Marea trata así de mostrar unha distancia publicamente respecto das políticas do goberno local, aos que apoiou nos diferentes orzamentos. BN mesmo recoñeceu que ten acordos de goberno intentando así rendibilizar a supresión da ORA. Nos dous últimos orzamentos, aprobados co seu apoio, Betanzos Novo aseguraba que unha das condicións impostas ao PSOE era precisamente o incremento do gasto social. A polémica en torno ao SAF amosa que se se deu ese incremento, desde logo non foi en servizos de primeira necesidade coma este.

Un conflicto destapado en novembro polo BNG

O conflito do SAF fíxose público hai 2 meses cando o BNG trasladou o tema ao Pleno para dar palabra ás propias traballadoras do servizo e convocou unha rolda de prensa con elas para darlle cobertura pública as súas demandas laborais e á mala situación do servizo con queixas das persoas usuarias. O BNG insistiu en que a empresa concesionaria deste servizo, que está privatizado, ofreceu un prezo excesivamente baixo que xa facía prever esta situación e recordou naquel momento que os nacionalistas foron o único grupo en oporse a este contrato.

No último Pleno, todos os grupos da oposición presentaron unha moción conxunta para darlle máis forza ás demandas das traballadoras do SAF e desta moción de todos os grupos intenta agora sacar rédito electoral BN a través desta publicidade no xornal local.

ORA, Hotel San Roque ou fábrica da luz, outros exemplos

O xogo de precampaña comeza e parece que as mareas intentan redifinir a súa posición política afondando en intentar rendibilizar o traballo do BNG durante os últimos anos e mesmo décadas, como sucedeu co tema da ORA, do hotel San Roque, da fábrica da luz e un longo etcetera do cal o último episodio é o conflito do SAF.