Bicos con lingua de Talía Teatro nunha función para alumnos dos centros educativos

“Bicos con lingua”, de Talía Teatro, chega este xoves 10 de maio á Aula Municipal de Cultura nunha función para máis de douscentos alumnos e alumnas de ESO dos e IES As Mariñas e IES Francisco Aguiar.

Dentro do programa das Letras Galegas pretende achegarlle aos máis novos e novas este espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situación cotiás convida a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega. Esta actividade prográmase por primeira vez para escolares froito dunha proposta dos propios centros como actividade de interese para traballar contidos sociolingüísticos co alumnado de secundaria.

A comedia, dirixida por Avelino González, e que conta cos actores Toño Casais e Artur Trillo, nace dun forte sentimento de amor cara algo tan propio como é a nosa lingua: a lingua galega. Non se trata en ningún momento dun exercicio de vitimismo, nada máis lonxe da súa intención, senón de afondar nun problema real e, certamente, preocupante. Así, preténdese que esta montaxe supoña para o espectador unha experiencia de redescubrimento dunha lingua que existe e que medra na súa inmensa riqueza, a pesar dos usos e abusos aos que está sometida decotío.