Biblos recibe un premio da Xunta por ser “comercio con talento”

Interior da libraría Biblos

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou onte á librería Biblos, de Betanzos, un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa coa que pretende fomentar o emprendemento entre o alumnado de formación profesional. O premio foi proposto polo alumno do ciclo superior de Xestión de Vendas no IES Francisco Aguilar José Ángel Varela, que destacou a aposta da librería pola literatura en galego, castelán, inglés e portugués; as súas actividades culturais e o uso na súa promoción das redes sociais.

Biblos conta cun selo editorial de seu, ademais da libraría, e un salón de actos que programa, ao longo de todo o mes, presentacións de libros, debates, clube de lectura, exposicións de pintura, proxeccións audiovisuais e concertos, ademais de promover eventos no exterior do local polo día do libro e o das Letras Galegas, actuando como un revulsivo cultural para o Casco Histórico e ofrecendo unha oferta cultural moito máis ampla e diversa que a do propio Concello.