Betanzos perde, con só dous puntos, nun certame que premia a calidade ambiental das vilas galegas

Xardineiras na rúa Travesa

Entre cero e cinco puntos estaba a puntuación que podía dar o xurado do certame “Vilas en Flor Galicia”, que os pasados días 1 e 2 de outubro visitou as cinco localidades preseleccionadas para esta primeira edición dun premio que xa se celebra noutras comunidades e que, en Galicia, organizan a Fundación Juana de Vega, AGAEXAR (Asociación Galega de Empresas de Jardinería) e ASVINOR (Asociación de viveristas de Galicia) coa intención de promover a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos.

Allariz, Betanzos, Caldas de Reis, Chantada e Ortigueira eran os cinco municipios seleccionados, aos que se desprazaron estes días Isabel Aguirre (Directora da Escola Galega da Paisaxe), Alfonso Ruano (Exfuncionario da Xunta de Galicia) e Serafin Ros (ExDirector Xeral de medioambiente do Grupo Eulen), integrantes do xurado.

“Vilas en flor”,  que por primeiro ano desenvólvese en Galicia, segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. O proxecto conta co apoio das Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, e as empresas Husqvarna e Rain Bird.

Trátase dun un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestructura verde. Con este proxecto preténdese mellorar estética e funcionalmente o territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións ambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Preténdese non só un aumento do número de espazos verdes, senón tamén unha mellora integral da súa calidade así como dos modelos de xestión que deben enfocarse cara a un aumento da biodiversidade e do uso racional dos recursos. Deste xeito, os municipios son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de xeito directo ao desenvolvemento económico local, xerando actividade do propio sector da planta ornamental e da xardinería, así como un aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas, construíndo unha marca de calidade local.

O aspecto de Betanzos nestes apartados non convenceu ao xurado, que apenas deu dous puntos á cidade. De cinco localidades, tan só Ortigueira quedou por detrás da capital das Mariñas ao obter tan só un punto. A primeira edición gañárona, empatados, Chantada- cun recoñecemento aos paseos fluviais do seu centro urbano, sen pavimentar- e Allariz- célebre en todo o continente polo seu modelo de recuperación da beira fluvial e o seu concurso internacional de xardíns.

A proliferación de macetas no centro urbano- nun estado cuestionable en bastantes casos- e o estado de decadencia dos dous parques públicos- sobre todo o estado lamentable dos xardíns e parterres do Pasatempo- non convenceron ao xurado, que viron máis meritorio o aspecto ambiental de Caldas de Reis. A entrega de premios será en Chantada.