Betanzos perde 25 000 euros dos fondos do Estado pola perda de poboación

Diego Fernández, concelleiro de facenda co PSOE, nun pleno

O devalo demográfico que deixou a nosa cidade con 12 941 habitantes ao pechar 2017 ten un correlato directo no propio financiamento do Concello. E non só polos tributos que directamente a Administración municipal deixa de ingresar, senón, sobre todo, porque a súa participación nos ingresos do Estado cae tamén. Estea achega, que supón unha parte importante do financiamento dos concellos de réxime xeral  ten en conta, para cuantificar o que a cada municipio corresponde, variables como a poboación, o esforzo fiscal e a capacidade tributaria.

En 2016 Betanzos baixou dos 13 000 habitantes e desde entón son 500 os habitantes que desapareceron do padrón municipal. En cartos, uns 25 000 euros menos que o Concello de Betanzos recibirá este 2018 do goberno central, segundo os datos que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas fixo públicos coas contías que distribuirá entre os concellos polas entregas a conta da participación nos tributos do Estado. Estes cartos proceden da recadación de impostos como os dos carburantes, tabaco, alcohol, IVE ou IAE.

O goberno local, a diferenza do que establece a lexislación e da práctica habitual nos concellos, négase a redactar os orzamentos ata ter datos desta participación, o que na práctica se traduce en que o orzamento municipal, que debera entrar en vigor o 1 de xaneiro de cada ano, estase aprobando en xuño ou xullo. Agora xa sabe que deberá reducir en 25 000 euros os seus gastos xa que a campaña “Betanzos tan cerca”, que orixinalmente era para fixar poboación e acabou sendo un vago lema do goberno local presente en canto material edita, non funcionou.

A comisión contra o devalo do PP e o combo emprego+servizos do BNG, alternativas

En xaneiro de 2017 o pleno debatiu unha moción do PP pedindo crear unha comisión para atallar o devalo demográfico- podes escoitala aquí. Sen propostas concretas de medidas, os conservadores pedían que esta comisión elaborase un documento con accións para atallar a merma no padrón. A réplica desde o PSOE e os grupos que o apoian foi inscribir o devalo demográfico na tónica xeral do país. O PSOE referiuse como política exemplar aos descontos nas taxas municipais, BN insistiu en que tiña a ver coa Xunta a solución ao problema e BeC, responsabilizou das cifras aos veciños de Betanzos que están censados nos concellos da contorna para aforrar na rodaxe, ademais de demandar á Xunta frear a fuga de talentos.

O BNG advertiu que con emprego e servizos públicos de calidade se revertiría a situación cuestionando a política de “paseos e festas gastronómicas do PSOE e de tortillas e terrazas do PP” para a nosa cidade. Cando o voceiro do PP argumentou que Miño e Sada na nosa comarca medraban grazas ás políticas municipais o edil nacionalista retrucou que “baixo ningún concepto quero para Betanzos o modelo que o PP impuxo en Miño ou Sada” insistindo en que ter un ambulatorio con servizos, un colexio sen masificar ou unha escola infantil municipal sen problemas de persoal axudaría máis a manter a poboación en lugar de campañas como “Abegondo quérete”.

As previsións do PSOE no PXOM era medrar ata os 16 278 habitantes

O plan xeral que o PSOE foi incapaz de negociar con ningún grupo da oposición e que embarrancou definitivamente en 2015 prevía que Betanzos gañaría 16 278 habitantes grazas ás 4000 novas vivendas proxectadas. Unhas cifras que, segundo o BNG denunciou, eran “irreais” porque “as previsións do Instituto Galego de Estatística é que a comarca no seu conxunto perda case 6000 habitantes cara 2023, que é a metade do tempo de vixencia do Plan”. A crítica valeulle aos nacionalistas notas de prensa, boletíns e anuncios en prensa con descualificacións por parte do PSOE, que non tomara nota de que entre 2012 e 2013 Betanzos perdera xa 120 veciños. Agora as transferencias do Estado evidencian o engano sobre o que se sustentaba aquel PXOM.