Betanzos anuncia que solicitará á Xunta mellorar os buses coa comarca e coa Coruña

Betanzos anunciou que solicitará á Xunta, a través da mesa de transporte metropolitano, mellorar as conexións en bus coa súa comarca e coa cidade da Coruña. Ramón García pedirá habilitar liñas que permitan axilizar a comunicación entre os da comarca de Betanzos e, desde alí, coa cidade da Coruña.

O Concello betanceiro reclamará que se habiliten liñas con bastantes frecuencias que ofrezan aos veciños da comarca de Betanzos máis facilidades para acudir á súa cabecera comarcal onde se realizan xestións de servizos relacionados con Facenda, xulgados, Deputación ou o centro de saúde, ademais de actividades cotiás como compras. O Concello demandará tamén coordinar estas novas frecuencias cos autobuses, xa en funcionamento, que conectan Betanzos co centro da Coruña e que se habilite algunha liña desde a capital betanceira que dea servizo aos polígonos industriais, o que facilitaría o desprazamento aos veciños de Betanzos e o seu comarca que traballan nalgunha desas empresas.

A comarcalización de servizos como o transporte entre Betanzos e os seus concellos máis próximos era un dos obxectivos da creación dunha mancomunidade que os agrupase, proposta do BNG que se aprobou en pleno en 2012 e nunca se cumpriu.

O BNG trasladou a Pleno varias veces tamén a necesidade dunha liña de transporte que conecte o centro de Betanzos coas súas parroquias e a falta dun transporte nocturno para que a mocidade poida sair sen ter que recurrir ao coche particular.