Barral Varela perfílase como alcaldesa tras 20 anos como concelleira

María Barral, de vermello, acompañada doutros edís do PSOE

María Barral Varela, licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela, viña sendo ata a data concelleira de Servizos Sociais, Muller, Cultura, Educación e Normalización Lingüística, ademais da primeira tenenta de alcalde desde que o PSOE recuperou a alcaldía en 2011. É unha das edilas máis veteranas da Corporación, pois xa participou como concelleira de Servizos Sociais e Turismo nos gobernos do PSOE encabezados por Manuel Lagares e acompañou ao xa exalcalde nos catro anos de oposición ao goberno municipal do PP.

Ademais, sumou diversas responsabilidades orgánicas dentro do PSOE, como a secretaría provincial de servizos sociais na executiva dos socialistas que encabezaba Julio Sacristán. Precisamente unha manobra de relevo como a protagonizada polo exrexedor de Culleredo lévaa agora á primeira liña do Concello, tras vinte anos de gregaria.

O seu previsible nomeamento como alcaldesa– será a segunda na historia de Betanzos- sitúaa como favorita para poñerlle cara ao cartel do PSOE dentro dun ano, nun movemento mimético aos protagonizados polos rexedores do PSOE da contorna en Culleredo ou Cambre.

A súa chegada á alcaldía chega no último ano dun mandato no que tivo que afrontar unha agre polémica pola situación que atravesa o servizo de axuda no fogar (SAF), cun contrato que precarizou as condicións do servizo e das empregadas no inicio deste mandato, promovido precisamente pola súa área. Barral tivo que enfrontar tamén as queixas pola falta de persoal e medios na escola infantil municipal, ubicada nas antigas escolas Jesús García Naveira en San Francisco, onde aínda a día de hoxe continúa unha praza sen cubrir tras a xubilación da súa titular.

Á fronte da área de cultura a súa xestión caracterizouse por unha liña continuista coa desenvolvida co anterior concelleiro, Francisco Díaz Pereira, que ocupou a carteira por máis de 20 anos. Neste sentido, a única novidade é o festival Vai de Rúa.