As obras de amaño da traída, que terían que comezar en 2016, demoraranse aínda un ano

Vista aérea da ETAP e depósitos da traída do Coto, do SIGPAC

O goberno local anunciou que a Xunta está a ultimar o proxecto de mellora da estación potabilizadora do Coto, anunciado xa en 2016. O alcalde, Ramón García, mantivo onte unha reunión con responsables de Augas de Galicia e a concesionaria do servizo de abastecemento para analizar as actuacións definitivas do proxecto que, anuncian, sairá a contratación “proximamente”.

Sempre segundo as informacións divulgadas polo executivo local, a Consellería de Medio Ambiente márcase como obxectivo comezar as obras o próximo ano. Os traballos, que o Concello considera “vitais”, recollen unha serie de actuacións para evitar os episodios recorrentes de turbidez e terán un orzamento de máis dun millón de euros.

Os traballos arrincarán con atraso, como todas as obras que a Xunta realiza en Betanzos nos últimos anos. O convenio asinado pola Xunta e o Concello en 2016 estipulaba un investimento dun millón de euros en catro anualidades: 50.000 euros en 2016, 300.000 euros 2017; 300.000 en 2018 e 350.000 en 2019. As obras arrincarán finalmente no ano en que culmina a vixencia do acordo, e segundo anuncia o executivo local contemplarán melloras no tratamento físico-químico da planta e na capacidade de depuración para incrementar a capacidade de regulación.

Sempre segundo o comunicado de prensa remitido onte polo executivo local, os traballos de mellora dos bombeos quedarían para unha seguinte fase. O goberno local sostén que os recorrentes episodios de turbidez da auga teñen como causa os lodos que arrastra o río cando se producen choivas intensas, se ben se teñen rexistrado numerosos episodios fóra de tempada de chuvias, o que bota por terra a tese do goberno socialista.

O Concello detalla que os índices que marcan a turbidez da auga sitúanse habitualmente entre as 10 e 20 unidades, pero que con precipitacións intensas poden dispararse ata os 120, o que complica de xeito extraordinario o proceso de tratamento da planta, dando orixe á auga avolta nas billas do municipio.