Arredor de 150 voluntarios participarán na Feira Franca Medieval

A expulsión dos leprosos é un clásico desde a primeira edición da Feira Franca Medieval

Arredor de 150 persoas voluntarias participarán nas representacións da Feira Franca que se celebrará os días 6, 7 e 8 de xullo. Ademais a feira contará con outras 50 persoas que formarán parte da organización entre Policía Local, Protección Civil, bombeiros, Cruz Vermella e servizos municipais. Haberá 131 postos, para os que se rexistraron unhas 360 solicitudes.

O Concello presentou onte o cartel, do diseñador gráfico Luís Galán, que recolle na súa ilustración varios símbolos da Feira Medieval, entre eles, ao rei Alfonso IX. A próxima semana abrirase o prazo de inscripción para participar nas representacións.

Desde a Concellería de Feiras e Mercados, a súa responsable, Mónica Carneiro, explicou que a vindeira semana comezarán os traballos de ambientación das distintas rúas do casco histórico a través de teas, estandartes e bandeirolas, estando previsto renovar varios escudos: “En total haberá máis de 300 bandeirolas e algo máis de seis quilómetros de teas decorativas”, precisou Carneiro.

Por outra banda, o día 25 de xuño abre o prazo de inscripción para que os nenos de 4 a 12 anos participen tamén na Feira Franca de 2018 dun xeito especial, cun percorrido previo ao comezo da cita polas rúas do casco histórico de Betanzos.

A actividade, O Medievo para os Nenos, dispón de trinta prazas e celebrarase o día 5. Os interesados poden dirixirse á Oficina de Turismo ata o día 4