Aluvión de críticas ao goberno local polo enésimo acto vandálico no Pasatempo

Acto vandálico no Pasatempo

Ninguén entende como alguén pode facer unhas pintadas de pésimo gusto no Pasatempo. Pero tamén son poucos os que non reproban que un ben único coma o parque enciclopédico careza das mínimas medidas de seguridade que o protexan. Porque o que resta da histórica Horta de Don Juan está cercada apenas polo muro de peche perimetral orixinal, que soporta e enmarca murais, estatuas e relevos que reproducen tecnoloxía e monumentos senlleiros do mundo de hai 125 anos.

Por iso a crítica é unánime e o dedo acusador se dirixe ao executivo local. Por non adoptar medidas de aseguramento do parque. Porque, para ben e para mal, o PSOE é responsable directo da situación actual do recinto, tanto das carencias de seguridade e do abandono que presenta, como da reprobada reconstrucción libre dos 90. Mesmo algúns dos seus edís xa sentaban daquela nos gobernos que tomaron todas esas decisións. Por iso moitos cargaban tintas onte, en rúas e redes sociais, contra a “desidia” do executivo.

Onte non eran poucos os que cruzaban dúas novas: as pintadas do histórico recinto e o comunicado onde o goberno local sacaba peito de non ter gastado 1,67 millóns de euros nun orzamento de 8,5 millóns- o que sitúa nun 19,65% o volume da inexecución, unha quinta parte das contas. “Só amosa que a falta de gasto en cultura está acabando co parque” censurábase nas redes sociais.

O goberno anuncia informes e denuncias

Desbordado pola crítica e polas imaxes que atravesaron Galicia en horas a través da rede do patrimonio, o executivo local tirou de repertorio. Novamente, como en cada ocasión anterior na que o Pasatempo, ou o palco, ou o Edificio Arquivo, foron lenzo para pintadas, anunciou unha “investigación” para dar cos autores e aplicarlles sancións exemplarizantes.

Aparecen novas pintadas estragando elementos do Pasatempo

Como en anteriores ocasións, a alcaldesa María Barral decidiu dedicarse ás declaracións estrondosas, anunciando que o Concello redactará “un informe” cos danos para pedir a Patrimonio autorización para borrar as pintadas. Igualmente, anunciou que a Policía Local segue a pista dos autores deste acto vandálico e avanzou que iniciará accións legais unha vez dea cos responsables, asegurando ter datos xa para “localizar pronto aos autores das pintadas”.

Barral destacou que non é a primeira vez que se produce un acto vandálico deste tipo. Mais, malia ter responsabilidade directa como alcaldesa agora, e antes como a concelleira responsable do patrimonio cultural de Betanzos, eludiu calquera tipo de autocrítica sobre a conduta do seu goberno con respecto ao xardín histórico.

Amigos do Pasatempo presenta senllas denuncias

Máis dilixente que un goberno local desbordado foi a Asociación de Amigos do Pasatempo, que na tarde de onte presentaba senllas denuncias ante a Policía Local e Patrimonio. “Nos extraña que desde la policía nos comentan que apenas se denuncian estos actos” expliucaban nas redes sociais.

Unhas horas máis tarde, difundida xa a reacción do goberno local, discrepaban abertamente dos argumentos ofrecidos á opinión pública por María Barral. “Dudamos, y mucho, que sea cierto que se coja al responsable, pero agradecemos que por primera vez un acto de este tipo en el Pasatiempo sea merecedor de contestación y del revuelo levantado” explican. Integrantes da entidade reprobaban novamente nas últimas horas que o parque careza de seguridade de ningún tipo, o que permite que calquera persoa entre cando esta pechado ou quede dentro, faga pintadas en calquera horario ou mesmo arrinque pedazos de murais ou relevos e os leve como recordo.

O parque conta actualmente con catalogación provisional coma BIC segundo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Esta norma sancións de 300 a 6000 euros por infraccións consideradas leves; de 6001 a 150 000 euros polas cualificadas de graves e ata dun millón de euros para as moi graves. A ordenanza de limpeza do Concello entende como infracción grave facer pintadas en lugares non autorizados a tal fin, con ata 751 euros de multa, que se elevan a 3000 euros e infracción moi grave pola realización de pintadas en edificios incluídos no patrimonio histórico-artístico da cidade.