O alcalde pide axuda ao Ministerio para o acto dos 800 anos de Betanzos

O alcalde onte en Madrid

O alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, mantivo en Madrid unha reunión co director xeral de Industrias Culturais e do Libro, Oscar de Santa María Gómez-Mampaso e a subdirectora xeral de Cooperación Cultural coas comunidades autónomas, Grial Ibáñez de la Peña, co fin de tratar diversos asuntos relacionados coa celebración o próximo ano 2019 do 800 aniversario da Fundación de Betanzos. A pesar de que as competencias en materia de cultura son exclusivas da Xunta de Galicia o alcalde optou por recurrir ao Ministerio en Madrid.

O primeiro edil entregou un dossier con datos históricos da cidade, relacionados coa celebración deste 800 aniversario e un borrador de traballo sobre posibles actividades ou eventos que se pretende desenvolver durante 2019, en concreto, desde o 13 de febreiro ata o 13 de febreiro de 2020. Ramón García explicou que nestes momentos o Concello está a recibir diversas achegas co que, a partir de aí, se elaborará o programa  de conmemoración deste 800 aniversario, aínda que xa entregou o borrador para o que pide axuda ao Ministerio.

A situación dos orzamentos xerais do Estado e o atraso da súa aprobación “dificulta nestes momentos definir un grao de colaboración por parte do Ministerio coa programación. No entanto, imos seguir traballando na  liña de traballo que temos exposta e establecer novos contactos dentro duns meses. As portas están abertas para fixar esa colaboración” indicou García Vázquez.

O primeiro edil explicou tamén que con esta primeira reunión en Madrid o Concello inicia unha serie de encontros “con representantes de distintas administracións de cara a buscar a súa colaboración para o desenvolvemento do programa do 800 aniversario. Na última entrevista co presidente da Xunta, hai uns meses,  xa lle trasladamos que estabamos a traballar na elaboración do programa e agora retomaremos o asunto tanto co goberno galego como tamén coa Deputación.

 

Choca este interese do alcalde pola celebración do 800 aniversario cando non se desprazou a Madrid a pedir apoio para ningún dos problemas graves de Betanzos que si que son competencia do Estado, como as inundacións no barrio da Ribeira.