Adxudicada a compra de equipamento do Alfonsetti en 34 000 euros

Interior do Alfonsetti

O Concello de Betanzos acaba de adxudicar a instalación dun sistema de vídeo e audio para o cine Alfonsetti, xusto en prazo para a súa estrea coa Semana Internacional do Cine de Betanzos, que este ano estará dedicada ao actor galego Javier Gutiérrez.

O prazo de execución dos traballos é dunha semana, segundo figura no prego de condicións técnicas, dado que son os traballos de instalación do equipamento no antigo refectorio dominico. O importe son 34 930 euros, que achega a área de Cultura da Deputación Provincial.

Malia contar agora co equipamento que durante anos comprometeu e non colocou, o goberno local xa anunciaba o propio día da sinatura do convenio coa Deputación que non vai dotar de programación estable o Alfonsetti, que fora o cine máis antigo en funcionamento do estado español, que botou o peche como tal con María Faraldo na alcaldía e o PP no goberno local.

Desde o BNG recordaban que o PSOE anunciou varias veces desde que recuperou o goberno local en 2011 o equipamento do cine Alfonsetti. “Promesas que nunca se cumpriron e que serviron para pechalo cunha excusa”, cuestionan.

“É lamentábel que busques unha alternativa pensando na veciñanza de Betanzos e nas oportunidades que o Alfonsetti ofrece, consigas o financiamento e que o día que se firma o compromiso o alcalde diga que aínda así non vai programar porque non lle dá a gana”, indicaba hai uns meses o voceiro do BNG, Henrique del Río, ao tempo que demandaba ao executivo local que reconsiderase a súa negativa a establecer unha programación no teatro. Algo que, a xulgar polas palabras do comunicado de onte, o goberno local semella comezar a facer.

Unha promesa de máis dun lustro do PSOE que acabou cumprindo o BNG

O de equipar o Alfonsetti era unha promesa do PSOE desde a campaña electoral de 2011, cando conseguiu arrebatar o bastón de mando ao PP. O executivo socialista anunciou en varias ocasións que incluiría en varios orzamentos as contías precisas para equipar o cine, tras herdar do goberno do PP a sala completamente remozada. Os orzamentos aprobados con CxB levaban, aseguraron, esa partida, e tamén os que aprobou o PSOE en 2014 en xunta de goberno local.

En actos de presentación da Semana do Cine a promesa seguiu aparecendo, pero sen fondos para facela realidade. Só a aparición en escena da deputada do BNG permitiu facer realidade o que o PSOE levaba máis dun lustro prometendo sen apoio nas contas, que o Alfonsetti teña equipamento audiovisual que permita utilizar un investimento superior aos tres cuartos de millón de euros que permanecía practicamente ocioso.