Advirten de que a auga da traída ven avolta a causa de “Ana”

Ademais das caídas de árbores e outras incidencias. as precipitacións copiosas que trouxo consigo o temporal “Ana” téñense traducido nun incremento torrencial do caudal dos regatos da comarca. Unha parte deles acabaron aportando auga especialmente avolta ao Mandeo e o Mendo, afectando ás captacións que nese hai. Unha delas é a da rede municipal de Betanzos, ubicada no lugar da Acea. O arrastre dunha maior cantidade de terra en suspensión está a complicar as tafefas de tratamento da auga, segundo advirte o executivo municipal, “malia os esforzos dos operarios da empresa concesionaria por que a auga chegue nas mellores condicións aos domicilios”, aseguran.

Aínda que avolta, a auga “cumpre os parámetros” para garantir a calidade do consumo, sostén o goberno local. Non é a primeira vez que o Mendo baixa avolto, mais si é a primeira desde que se rexistrara o nivel máis baixo no caudal do río, que a pesar do temporal aínda non recuperou un nivel medio para esta época do ano.

O goberno local anunciou que nas últimas xornadas o alcalde mantivo conversas cos responsables de Augas para intercambiar información sobre a situación da represa de captación e o nivel do río Mendo, toda vez que a demarcación Galicia-Costa continúa en alerta por seca. Augas ten “calquera tipo de apoio técnico” ao dispor dos concellos para afrontar as eventualidades desta situación.