A Xunta recurta máis do 50% o investimento no Casco Histórico e non comprará a Casa Gótica

Unha vista parcial do Casco Histórico

Dos 2,1 millóns de euros anunciados insistentemente na presentación do Plan REXURBE a case un millón que finalmente serán. De anunciar a adquisición da Casa Gótica a pasar de puntillas sobre o tema.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda retallou a máis da metade os fondos para adquirir inmobles nas rúas da Cerca, Travesa, Santa María, Prateiros, Pastel, Sombrereiros, Pastelería, Ouro, Pinche, Desengano, Cristo, Venela de Clérigos, Ribeira e Alfolí.

O prezo de adquisición sumado ao custo estimado da rehabilitación achégase ao millón de euros, precisou a Xunta. O goberno galego prevé obter doce vivendas. Das seis edificacións seleccionadas, tres “están condicionadas á aceptación da contraoferta realizada”.

Entre elas non estará a Casa Gótica, malia o anuncio realizado tanto por Xunta como polo PP local. As cargas que o inmoble mantén abortaron a operación, para a que o goberno local chegara a pedir unha “oficina de atención ao peregrino” no baixo.