A Xunta anuncia axudas aos mercados de proximidade, algo que Betanzos fixo en 2005

Mercado no Campo

Aproveitando unha recepción a rexedora de Mondoñedo, a Consellaría de Medio Rural fixo o anuncio dunha nova liña de axudas para fomentar a cooperación entre pequenos produtores para a creación e consolidación de mercados locais e cadeas curtas de distribución, cun só intermediario entre produtor e consumidor.

Segundo o anuncio realizado polos dous dirixentes do PP, poderán ser beneficiarios destas axudas os colectivos de agricultores, gandeiros e microempresas dun mesmo ámbito rural de Galicia, cun mínimo de dous socios, constituídas baixo calquera fórmula xurídica admisible, co obxecto de promocionar a produción conxunta e ordenada, así como a comercialización da súa produción en mercados locais ou a través de canais curtos de distribución.

Segundo detalla o dixital Campo Galego, os concellos poderán acollerse a esta orde de axudas de funcionar como impulsores e animadores das iniciativas levadas a cabo no seu ámbito. Outra liña cubrirá o investimento en infraestruturas para a creación, mellora e ampliación de servizos locais relacionados cos mercados de proximidade. Cubriría, segundo o anuncio da Xunta recollido polo portal especializado, o amaño de espazos ou terreos, a reforma, rehabilitación ou construción de instalacións fixas ou desmontables, e as dotacións comúns, equipamentos ou mobiliario.

Unha liña de axudas que puxo en marcha Betanzos en 2005

O anuncio da Xunta en plena precampaña é algo que se puxo en marcha en Betanzos en 2005. Naquel ano tres iniciativas da Concellería de Comercio, que dirixía o edil do BNG Andrés Otero Botana, puxeron en marcha unha renovación do mercado que se celebra no Cantón os martes, xoves e sábados.

A primeira delas foi a de unificar os postos do mercado coa distribución de parasois crema idénticos, co emblema do Concello e mais a construción de mostradores para todas as praceiras. Unha axuda en especie que permitiu mellorar estética e hixienicamente o mercado.

A segunda, a renovación da anticuada ordenanza de feiras. E a terceira, a posta en marcha dun mercado específico de produtos ecolóxicos, que se celebraba trimestralmente. Todas estas iniciativas pasaron á historia cando o PP accedeu ao goberno local e pretendeu “dignificar” o mercado coa importación masiva de baúis veroneses, que quedou nos dous enseres infrautilizados que finalmente desembarcaron en Betanzos.