A Fábrica da Luz xa é monumento protexido

Imaxe actual da fábrica. Cedida polo BNG

Dando por terra as alegacións presentadas por Naturgy, a Consellería de Cultura aprobou a inclusión da antiga fábrica da luz de Betanzos no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia coa categoría de monumento e publicouno onte no DOG. A multinacional eléctrica pretendía reducir o edificio a escombros apelando ao risco de desprendimentos.

O goberno galego recoñece o “notable interese arquitectónico” e a súa importancia como “testemuño singular dos avances da técnica”. “Neste edificio estivo a sé das industrias da familia Núñez, unha das máis representativas da historia empresarial da provincia da Coruña de principios do século XX. Ademais, o seu promotor, o enxeñeiro José López-Cortón Viqueira, estivo vinculado con outros proxectos de modernización na Galicia de principios do século XX, como o tranvía da Coruña”.

A Xunta distingue entre o primeiro volume da factoría, construído en 1895 e obra do enxeñeiro López-Cortón, e o segundo, para usos administrativo, construído en 1910 e atribuído a Rafael González Villar. A este edificio, que gozará de protección integral, suma o antigo serradoiro anexo, ao que outorga só unha protección estrutural.

A Consellería de Cultura chama a atención sobre o mal estado desta antiga fábrica e considera que a catalogación será unha “solución apropiada para a súa salvagarda e evitar a súa desaparición”. Advirte que son precisas “actuacións urxentes para frear a súa deterioro” que deberá acometer a empresa propietaria, sinalando, entre outras, a consolidación da cuberta e das pechaduras. Unha vez executados estes traballos, os propietarios deberán presentar despois un proxecto integral de conservación.

A fábrica da luz desde o Mendo

A catalogación deste edificio chega logo de anos demanda de colectivos culturais e de formacións políticas como o BNG. O Concello de Betanzos, a pesar de aprobarse infinidade de iniciativas na liña de protexer o inmoble, bloqueou a solicitude ata febreiro de 2017 e logo de que o goberno socialista exixira á eléctrica a retirada de elementos que ameazaban vir sobre a rúa. Onte o goberno local volvía incidir nun comunicado en que exixiría á multinacional que garantise a seguridade no entorno.

O Concello aprobou suspender a concesión de licenzas no entorno da fábrica como unha medida de preservación do inmoble a instancias dos nacionalistas, e en base a ese acordo e a catalogación provisional denegou a licenza de demolición solicitada pola sucesora de Fenosa. A firma recorreu ata as ordes de execución ordenando traballos, unha vía que se lle pecha coa elevación á categoría de monumento da factoría.

Satisfacción no BNG tras “décadas” demandando dar uso sociocultural

O BNG celebrou a declaración como monumento da Fábrica da Luz. “Levamos décadas demandando a catalogación desde edificio, convencidas da súa singularidade e valor patrimonial”, asegurou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “No BNG estamos convencidas de que é un lugar óptimo para celebrar actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel” remarca o portavoz.

Del Río lembrou as numerosas mocións, preguntas e iniciativas que o BNG ven presentando nos últimos anos para garantir a conservación da fábrica proxectada por López Cortón e González Villar. “Se o goberno local fixera a solicitude a primeira vez que o Pleno aprobou protexer o inmoble, hai ben anos, o estado de conservación da factoría non sería crítico como é hoxe”, lamenta.

Para as nacionalistas, “a resolución que hoxe se publica é un punto e seguido na nosa loita por manter e conservar este edificio dentro do patrimonio de Betanzos”. “Durante anos defendimos en solitario que era un ben digno de ser conservado, hoxe a postura é maioritaria e até quen quería plegarse aos intereses da eléctrica recoñecen o valor do edificio”, abundan. “Isto demostra que as propostas do BNG son as que Betanzos precisa para avanzar, e que unha oposición firme e coas ideas claras é positiva para a veciñanza e o patrimonio de Betanzos”, asegura o edil nacionalista.

O BNG defende desde hai lustros que a Fábrica da Luz pase a acoller actividades culturais á par que se pon en valor o pasado industrial do inmóbel. “Patrimonio, na súa resolución, recoñece que o edificio é singular tanto pola autoría, como polo emprazamento e por ser das primeiras fábricas de electricidade do país”, relatan. “Coa adquisición da Fábrica da Luz realmente estase ordenando a beira do Mendo, recuperando o patrimonio, creando equipamentos e freando a especulación dunha multinacional”, conclúen desde o BNG.

O goberno local recorda a multa de 5000 euros imposta á eléctrica

O goberno local recordou onte que impuxo xa unha primeira multa de 5000 euros á empresa por non executar as obras precisas para evitar o derrube do edificio. De momento, os traballos seguen sen executarse.

O executivo local salienta que a resolución de onte supón un paso definitivo para tratar de que por parte dos propietarios se realicen as actuacións necesarias para o mantemento do edificio”.

Desde o BNG urxiron ao goberno local e a Xunta a actuar, “agora que o edificio xa conta cunha protección patrimonial, para evitar que desapareza”. “Está probado que Naturgy quere botar abaixo a Fábrica da Luz, por acción ou omisión, e non se pode consentir”, explicou. “Cada día que pasa sen adoptarse decisións de calado, estase permitindo que se bote un pouco abaixo o edificio”, urxiu.

“O Pleno acordou, por iniciativa do BNG, que o Concello actúe directamente para garantir a conservación deste edificio único” lembrou Henrique del Río. “Agora hai unha protección legal definitiva para o edificio, acabáronse as excusas”, explica. “Haberá que ver se se executan os traballos de conservación e se lle xira a factura á empresa ou se, como defendemos, se busca a vía de que o edificio pase a titularidade municipal, pero o tempo esgótase”, abundou.