A CIG denuncia que o goberno local se nega a aportar a información que está obrigado a dar

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

A CIG denunciou que o Comité de Empresa tivo que solicitar novamente ao goberno local a información sobre as horas extraordinarias dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro. Explican que, ademais, recordaron ao executivo do PSOE que ten obrigación de entregar esta información con periodicidade mensual.

“Non hai que esquecer que nos últimos anos o goberno municipal só foi quen de lle entregar esta información en múltiples ocasións aos representantes dos traballadores cando acudiron á Inspección de Traballo” recordan os sindicalistas, abrindo a porta a volver ante esta institución en caso de o PSOE non aportar a información que está obrigado a facilitar.

“Sen ir máis lonxe, nos pasados meses houbo que denunciar ao Concello na Inspección para que este lle entregase a información das horas extraordinarias da primeira metade do ano” recordan. As denuncias pola falta de transparencia do goberno local son unha constante por parte do sindicato e da oposición.