A CIG denuncia que o goberno local ábrelles as comunicacións da Inspección de Traballo

Diego Fernández é o concelleiro de persoal de Betanzos

A Confederación Intersindical Galega ten presentado numerosas queixas diante da Inspección de Traballo a conta das condicións en que os empregados municipais teñen que desenvolver o seu traballo. As últimas, pola ausencia de plans de protección e evacuación do Edificio Arquivo- que concentra as oficinas xerais do Concello e mais as salas culturais coma o Salón Azul, a sala de exposicións ou a Aula de Cultura- e mais o centro Santo Domingo- con OMIX, CeMIT, Museo, arquivo e biblioteca entre outros, e mais polo uso como almacén do Pazo Municipal durante o verán.

A CIG denuncia que o goberno local abriu “as comunicacións que a Inspección de Traballo provincial lles remite aos representantes dos traballadores logo de realizar denuncias”. Advirten, nun escueto comunicado que “esta apertura vulnera a confidencialidade dos delegados sindicais e leva anos sendo obxecto de queixas ante o Concello”. Desde a central sindical nacionalista censuran que “non é a primeira vez que acontece, é un costume reiterado neste Concello”, polo que exixen do executivo local “que deixe de abrir este tipo de comunicacións e vulnerar a confidencialidade destes coa Inspección de Traballo”.

Hai anos tamén o PP denunciaba que o goberno local abría as cartas que recibía o grupo municipal conservador no Concello. A inviolabilidade da correspondencia é un dereito fundamental recollido na propia COnstitución, que advirte que “se garantiza el secreto de las comunicaciones y, en especial, de las postales, telegráficas y telefónicas, salvo resolución judicial”.