A CIG denuncia que a RPT non inclúe as sentenzas xudiciais contra a política laboral do PSOE

A alcaldesa, María Barral, e o edil de persoal, Diego Fernández, á dereita da imaxe (foto do facebook)

O pasado venres 21 celebrouse no Edificio Arquivo unha xuntanza da Mesa de Negociación do Concello, na que representantes dos traballadores municipais e mais do executivo local abordaron a nova relación de postos de traballo.

A CIG informou nun comunicado no seu web que non avalou a proposta presentada polo edil de persoal, o socialista Diego Fernández, por considerar que “non respecta as sentenzas xudiciais de indefinición do persoal laboral para a creación dos postos”.

A Intersindical Galega denuncia que a proposta do PSOE “non incorpora a totalidade das sentenzas xudiciais de indefinición existentes na actualidade” e que, ademais, “exclúe 55 prazas de persoal laboral que traballa na actualidade no Concello, mais, pola contra, crea 9 prazas novas de funcionarios, e 8 delas para promoción interna”.

Entre os motivos esgrimidos polo primeiro sindicato entre o persoal laboral do Concello figura, ademais, que “agrava as discriminacións salariais entre o persoal laboral e o funcionariado e non aplica un sistema de valoración equitativo para a totalidade dos postos de traballo”. Neste sentido, a CIG denuncia que a proposta do PSOE “non valora igual postos iguais simplemente pola relación laboral ou funcionarial”.

A CIG denuncia ademais discrecionalidade do equipo de goberno do PSOE á hora de asignar o complemento específico e que atribúe niveis de complementos de destino superiores aos rangos permitidos pola lexislación en determinados postos.

A proposta do PSOE, a dicir da CIG, “supón unha rebaixa salarial importante con respecto ao Convenio colectivo vixente para o persoal laboral e un incumprimento do acordo de progresiva equiparación co funcionariado acadado no ano 2015 e que tivo como primeiro paso o acordo do Convenio colectivo”.

“A maiores, fíxose unha relación de varios erros que conteñen as fichas de diversos postos e que repercuten directamente na valoración do posto e no complemento específico e advertiuse a eliminación de cinco postos con carácter funcionarial de auxiliar administrativo e outro de condutor-alguacil” advirten desde o sindicato.

Segundo informa a Intersindical Galega, a “UGT indicou que subscribía nun 90% o dito pola CIG e manifestou en consecuencia a súa postura na mesa”. Pola súa banda, “CCOO manifestou que estaba de acordo porque se recollían as súas propostas no relativo aos postos de auxiliar administrativo e que votaría a favor, CSIF, a pesar de manifestar o seu acordo co texto, fixo unha proposta económica de suba do valor do punto”, segundo informa a CIG. “O goberno municipal dixo que estudaría a proposta de CSIF e que a próxima reunión sería na Mesa Xeral de Negociación onde se chegaría a un acordo definitivamente ou non sobre unha nova Relación de Postos de Traballo” explica o sindicato nacionalista.

“Se o goberno decide continuar adiante coa Relación de Postos de Traballo, podería facelo mesmo sen o apoio dos sindicatos, non obstante todo parece que podería chegar a un acordo cos sindicatos que representan ao funcionariado, único colectivo beneficiado da aprobación deste documento” explica a CIG. “Logo da Mesa Xeral de Negociación, a RPT debería ser informada por Secretaría e Intervención e someterse a aprobación plenaria, onde se podería aprobar por maioría simple” detalla explicando o procedemento para aprobar o documentio.

“De se aprobar provisionalmente, abriríase un prazo de alegacións, que deberían ser resoltas tamén no pleno e proceder, de ser o caso, á aprobación definitiva do documento” engaden, explicando que “as alegacións que non fosen estimadas, igualmente poderían seguir a vía contenciosa nos casos en que fose posible”.

Así as cousas, a CIG está xa advertindo de que o documento que o goberno local apura a aprobar antes da cita coas urnas e que só recolle aos funcionarios de carreira estaría abocado a acabar no xulgado.