A CIG denuncia irregularidades na convocatoria dunha praza de administrativo para Facenda

Diego Fernández é o concelleiro de persoal de Betanzos

Diego Fernández é o concelleiro de persoal de Betanzos


Ultimamente todas as prazas que convoca o goberno local adoecen de incumprir algúns requisitos legais. Así o ven denunciando a CIG, que identifica varias tachas graves na última convocatoria efectuada polo goberno local, unha praza de auxiliar administrativo para cubrir cun funcionario interino no departamento de facenda do Concello.
Así, desde o primeiro sindicato do Concello advirten que “non tiña ningún coñecemento desta convocatoria” a pesar de que a lei obriga ao goberno local a informar das contratacións ao comité de empresa.  Explican, ademais, que a praza que pretende contratar o PSOE non existe na relación de postos de traballo do Concello e que as tarefas asignadas segundo a convocatoria publicada no Boletín da Provincia distan moito de ser algo puntual e temporal, senón que son “tarefas estruturais da área económica do Concello”, polo que non se poden cubrir “cun programa temporal” como pretende facer o PSOE. “Esta contratación podería ser fraudulenta” e mesmo dar lugar a denuncias nun futuro próximo, advirten.
Por este motivo, veñen de rexistrar un escrito para que se lle dea cara atrás ao procedemento e se corrixan todos estes elementos irregulares antes de que xeneren responsabilidades ao Concello. Ironizan, ademais, con que a pesar de canto alardea o goberno local sobre a súa transparencia, aparte de non dar conta aos representantes dos traballadores desta convocatoria, a lei de transparencia nin sequera figura no temario exixido para o exame.
Convén lembrar que practicamente todo o persoal laboral do Concello- o groso da plantilla- está contratado con programas temporais que o executivo do PSOE mantén desde hai décadas. Isto obrigou a moitos deles a recorrer ao xulgado para ver recoñecido a súa condición de indefinidos. A pesar de perder todos os xuízos neste sentido- os últimos, os do extinto GRUMIR- o PSOE non quixo corrixir esta situación do persoal temporal. E agora convoca novas prazas temporais mesmo para os funcionarios, sen atender este tipo de indicacións dos sindicatos ou a oposición.