A CIG denuncia “discriminacións” no pago de horas extra por parte do goberno local

Diego Fernández é o concelleiro de persoal

A CIG denunciou “unha posible discriminación no cobro de horas extraordinarias pola non suba do 1% nas contías pagadas ao persoal laboral”. Segundo o sindicato, xa hai unhas semanas que advertiu dun “posible erro” no pagamento das horas extraordinarias do persoal laboral a causa de non subir o goberno local “o 1% nas contías á vez que se actualizou o resto da nómina o pasado mes”.

“Logo de facer a consulta en persoal, informaron que nin sequera se actualizara a contía no 1% correspondente a 2016 no momento de entrada en vigor do Convenio colectivo e que si que se produciu a actualización no resto dos conceptos” denuncia a central sindical nacionalista nun comunicado no seu web. Así, explican que manifestaron “verbalmente” esta situación ao edil de persoal mais tamén rexistraron, a través do Comité de Empresa, a demanda de que se actualicen “as contías recollidas no anexo I do Convenio colectivo do persoal laboral no relativo á suba do 1% dos orzamentos estatais dos anos 2016 e 2017 na contía das horas extraordinarias”.

Da información ofrecida pola CIG despréndese que o goberno local estaría a pagar as nóminas á marxe do convenio colectivo recentemente aprobado. Por este motivo, tamén demandaron ao executivo socialista que “realice o pagamento dos atrasos correspondentes á suba do 1% reflectida nos orzamentos estatais do ano 2017 da nómina desde o mes de xaneiro e restantes pendente e, así mesmo, os atrasos correspondentes á devandita suba correspondente ao mencionado no primeiro punto das horas extraordinarias do persoal laboral xa pagadas”. Exixen, ademais, que o goberno “realice todas as xestións oportunas de cara a solucionar a problemática mencionada que podería incidir nunha discriminación entre o persoal laboral e funcionario no relacionado coa suba do 1% nas horas extraordinarias do persoal laboral e as gratificacións do persoal funcionario”.