A CIG denuncia constantes cambios de criterio do executivo local na negociación da RPT

Diego Fernández é o concelleiro de persoal

A CIG denunciou, por medio dun comunicado no seu web, os “cambios continuos de postura que lle afectan ás propostas de valoración dos postos” no marco da negociación da nova relación de postos de traballo (RPT) para o persoal municipal. Lamenta que “como vén sendo costume neste Concello moitos acordos caen en saco roto” e que teñen que amoldarse “aos continuos cambios de datas e horarios das reunións que non están a demostrar demasiada seriedade por parte de quen convoca” as xuntanzas deste proceso negociador, é dicir, o executivo local por medio do edil de persoal, Diego Fernández.

“Segundo o cronograma inicial as negociacións terían finalizado o pasado 11 de xaneiro e ata o momento non se tomou ningún acordo a pesar de que as posturas de temas tan cruciais como a modificación dos grupos dos postos do persoal laboral ou a asignación duns niveis inferiores para o persoal laboral que para o funcionariado están claras” denuncian desde a primeira forza sindical do Concello. “Isto non só se alonga cada vez máis senón que en cada nova reunión o goberno municipal lle dá unha volta máis para buscar escusas para a discriminación na asignación dos niveis ou a proposta de baixada de grupos do persoal laboral, sen esquecermos a novidade de que a RPT que o Concello de Betanzos ten publicada no portal da transparencia agora seica non existe” explican.