A ANPA critica o funcionamento do orzamento participativo pese a gañar a súa proposta

Imaxe do aulario dependente do CEIP Vales Villamarín onde se propón construír un patio cuberto

A ANPA Brigantium, do CEIP Vales Villamarín, publicou onte unha crítica á xestión dos orzamentos participativos do Concello na súa páxina na rede social facebook. De entrada, agradeceu o apoio veciñal que permitiu que a súa proposta de facer un patio cuberto no aulario fose a que máis apoio reuniu. Mais pregúntanse se “seberíamos ter que “competir” por cuestións obxectivamente necesarias para a nosa comunidade?”

Esta pregunta tense repetido, en múltiples formulacións, nas últimas semanas en rúas e redes sociais: hai que competir entre proxectos igual de necesarios? “Como ANPA non podíamos deixar pasar a oportunidade de seguir loitando por mellorar o noso “aulario”, xa que, como sabedes, paliar as súas deficiencias, así como a previa reivindicación dun cole novo para Betanzos, forman parte das pelexas máis activas desta asociación dende hai anos” explican.

“Sabemos que é competencia da Xunta, polo que lanzamos “berros” para que a administración autonómica atendera as nosas demandas, pero tamén solicitamos a implicación da administración local” proseguen e indican que “lembramos que os proxectos presentados para participar na votación dos orzamentos participativos foron analizados de forma xurídica, técnica e económica” conclúen.

A censura por obrigar a escoller entre proxectos de obra necesarios foi unha constante do proceso. Máis non foi a única. A principal foi o horario, que non facilitaba a votación. O voto fíxose en urna nas oficinas xerais do Concello, en horario de 9 a 14 h. Todas as persoas empadroadas que traballan cando menos nesa franxa horaria quedan formalmente excluídas do proceso. Igual que a mocidade desde os 16 anos, que nesa franxa horaria está nas aulas dos centros de secundaria. Para sortear isto, a última semana do proceso de votación ampliouse o prazo ata o sábado en idéntico horario.

Quen foi votarno proceso tivo, ademais, como información descriptiva dos diversos proxectos o título que o executivo local lles deu en cada caso. Algúns eran suficientemente elocuentes, como o patio cuberto para o aulario ou o amaño da illa do estanque do Retiro, no Pasatempo. Mais outros como as “diversas melloras en Piadela”, as “Melloras en Roibeira: Camiño Cal das Barras” ou as “diversas melloras na na Madgdalena-A Condomiña” poden ser demasiado vagos. Só no comunicado de prensa que remitiu o executivo anunciando a ampliación do prazo puido ampliarse algo a información, mais quen queira velo terá que buscalo no caótico web municipal.

Algunhas destas obras, ademais, son de dubidosa competencia municipal, como construírlle un patio cuberto ao aulario, titularidade dunha Xunta de Galicia que se negou en redondo a poñer un espazo cuberto a un colexio galego, ou a “substitución rede lateral campo de fútbol diante local social” e “iluminación campo de fútbol” en Piadela, que segundo a información da web da EIEL da Deputación e do documento do Plan Xeral colgado no web de transparencia municipal non é de titularidade municipal. No último comunicado emitido polo goberno local sobre este proceso- cando anunciou que ampliaba ao sábado a votación- asegurou que deixaba fóra a maioría das propostas recibidas (foron 23 e votaron 9) entre as que figuraban a contratación de persoal para a biblioteca infantil (que permanece pechada desde fai anos por falta de empregados), a ampliación da rede de saneamento no cruzamento do camiño do Coto, na AC-542, a construción dunha zona de varada de embarcacións ou a instalación de desfibriladores semiautomáticos externos.

Para votar, a veciñanza debía identificarse cun documento oficial ante o funcionario que custodia a urna de votación. Mais, en algo realmente inédito en calquera democracia, cubrir a papeleta co seu nome, apelidos e DNI ademais de asinar, de maneira que o goberno local sabe exactamente que opción escolleu cada un dos veciños que participe no proceso. Unha medida de control social e da opinión pública que se reforza de ter presente que foi o edil Diego Fernández quen abriu unha por unha as papeletas, como amosou o executivo local con foto incluída.

A pugna, realmente, estivo entre as dúas propostas que fixeron “campaña” para captar simpatías: a do patio cuberto do colexio, a cargo da ANPA, e a de rehabilitar o templete do estanque do Retiro, de Amigos del Pasatiempo. A da ANPA obtivo  254 dos 374 votos emitidos, a do Pasatempo 30. No medio, con 40, colouse a proposta de cubrir un parque infantil, sen identificar cando menos na información que ofreceu o goberno local.

Para esta experiencia, as forzas que pactaron un orzamento municipal de 9,5 millóns de euros- PSOE, BN e BEC, antigo CxG- reservaron apenas 50 000 euros. Posteriormente BN pediu ampliar a 100 000 euros a partida, algo que non se tivo presente no proceso. Agora esa mesma formación pide executar máis proxectos que o gañador do proceso.