Ata o 19 de abril para presentar alegacións á declaración BIC do Pasatempo

O vindeiro xoves 19 de abril remata o prazo para que a veciñanza poida presentar alegacións ou propostas sobre a resolución publicada no DOG que inicia o procedemento de declaración BIC na categoria de xardín histórico do Parque do Pasatempo.

Esta resolución cualifica o estado de conservación na parte alta do Pasatempo de deficiente, “non só polo abandono e deturpación que sufriu durante as décadas centrais do século XX, senón tamén pola falta de mantemento posterior ás intervencións de recuperación das décadas de 1990 e 2000”.

O documento recolle tamén os riscos e ameazas para a súa conservación. “Deste xeito, na parte baixa do Parque do Pasatempo, a continuada urbanización e edificación dos terreos que ocupou o xardín, sen os debidos controis arqueolóxicos, poñen en risco os posibles restos do Pasatempo que deberían ser obxecto de estudo e valoración. Así mesmo, estas construcións alteran sensiblemente o contorno deste ben ao non seguir un modelo común dos valores mínimos xerais de integración no conxunto do parque. Os equipamentos construídos no Carregal impiden a observación na distancia do Pasatempo, onde se apreciaban certas relacións entre elementos e entre o parque e a paisaxe en que se encadra”.

“Na parte alta do Pasatempo, a falta de mantemento e do control de acceso, así como o tráfico da avenida Fraga Iribarne, constitúen as potenciais ameazas para as estruturas que resistiron ata o de agora ou que xa foron intervidas. Así, téñense documentados derrubamentos recentes e actos de vandalismo que degradan o parque e poñen en risco a súa conservación”, engade.

Fai fincapé tamén na falta de información para interpretación e difusión do Pasatempo e nos problemas de accesibilidade. “Outros problemas son a falta de seguridade de utilización, con riscos para a seguridade das persoas usuarias intrínsecas co deseño do parque; a procura de medidas que garantan a accesibilidade universal e a información dispoñible para as persoas que visitan o parque que colabore á súa interpretación e difusión”.

“Na parte baixa deberá avaliarse a introdución de desvíos específicos de urbanización e integración ambiental que colaboren á percepción do conxunto e os elementos escultóricos que aínda permanecen”, engade.

Delimitación da zona protexida

O ámbito proposto como ben de interese cultural correspóndese coas parcelas catastrais cuxas referencias, segundo os datos da sede electrónica do catastro, son as número 3421102NH6932S0001DW e 3421103NH6932S0001XW para a parte alta do predio, e o 3522601NH6932S0001ZW  para a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións, e que corresponden coas coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29):

• As esquinas do polígono que delimita a parte alta son: NE (563333, 4792005), N» (563179, 4791990), SW (563173, 4791945) e SE (563319, 4791853).

– O centroide da estatua da Caridade: 563419, 4791980.

– O centroide da fonte das Catro Estacións: 563517, 4792088.

Esta delimitación axústase á parcela física en que se asenta a parte alta do parque, delimitada na cartografía máis detallada dispoñible (facilitada polo Concello de Betanzos), que ten pequenos desaxustes coa parcela catastral. A superficie de solo ocupado por esta parte é de 10.184 m2. A delimitación tamén inclúe os dous únicos elementos da parte baixa do Pasatempo que se conservan no seu lugar orixinal: a estatua da Caridade (2 m2) e a fonte das Catro Estacións (133 m2).

Canto ao contorno de protección, en primeiro lugar cómpre indicar que para esta delimitación se toman como referencia os límites físicos (ríos e canles), as vías e infraestruturas públicas (rúas e estradas) e os ámbitos do planeamento vixente, axustándose principalmente á cartografía catastral. Ademais, incoáronse os procedementos para a catalogación da casa da fábrica de electricidade da Ponte Nova e a casa da Rega que, en parte, se solapan con esta. O contorno de protección do Pasatempo está constituído polos terreos próximos cuxa alteración incida na percepción e comprensión dos valores dos bens no seu contexto (artigo 12.1 da LPCG). Dáse a circunstancia de que a parte alta do parque se encontra nunha ladeira orientada ao leste, cunha gran visibilidade sobre e desde O Carregal. Así mesmo, cómpre ter en consideración a delimitación do que foi a parte baixa do parque, onde está a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións.

Con estas premisas, a delimitación do contorno de protección axústase á ribeira do río Mendo polo leste; polo norte ás parcelas que dan fronte á avenida Carregal; polo noroeste ao camiño público que comunica O Carregal con Abelares; polo leste ao Camiño Real da Infesta; polo suroeste ao regato do Escorial; e polo sur e sureste ás parcelas de solo urbano cualificadas polo planeamento como uso empresarial. A superficie delimitada deste contorno de protección é de 355.352 m2. Así mesmo, no contorno de protección e no ámbito que ocupaba antigamente o parque, a súa parte baixa de bosque e horta, será preciso a realización de actividade arqueolóxica preventiva para o caso de que as intervencións supoñan movementos de terras, co obxecto de poder documentar ou, de ser o caso, recuperar elementos que poidan ser de interese para o coñecemento e interpretación do parque.

Pódese consultar o documento concreto neste enlace:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180319/AnuncioG0164-060318-0001_gl.html